Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Oroso investe case 15.000 € na mellora e ampliación dos xogos do parque infantil do Paseo do Carboeiro (Sigüeiro)


As actuacións incluirán o cambio do pavimento, a instalación de dous novos xogos e a rehabilitación dos xogos existentes

Os concelleiros de Urbanismo, Antonio Leira, e de Obras, Eduardo Veiras, supervisaron esta mañá o inicio das obras de mellora e ampliación do parque infantil do Paseo do Carboeiro, en Sigüeiro. Uns traballos nos que o Concello de Oroso vai investir preto de 15.000 euros e que estarán rematados o vindeiro martes 20 de xuño.

Eduardo Veiras explica que “a parte principal das obras consistirá na substitución do pavimento baixo os distintos xogos do parque que, despois de catro anos de uso, estaba comezando a levantarse nalgunhas zonas. Agora instalaremos un novo chan de caucho continuo na zona de xogos, un material moito máis duradeiro, limpo e seguro xa que facilita aos máis cativos a súa aprendizaxe á hora de camiñar e permite amortecer os golpes nas caídas”. A maiores, o Concello de Oroso ten previsto instalar dous novos xogos infantís así como facer un fondo traballo de mantemento e mellora de todos os xogos existentes, que están deseñados para nenos e nenas de entre 3 e 10 anos.

Precisamente, a instalación dese novo pavimento foi a causa de que as obras non se puideran iniciar ata hoxe. “Lamentamos ter que pechar o parque estes cinco días pero tivemos que agardar á chegada do bo tempo para que este material asente e así ter pechado o parque os menos días posibles”, apunta Antonio Leira, quen indica que “se o tempo acompaña, como parece, as instalacións do parque infantil volverán abrir as súas portas o próximo martes”. Neste sentido, o Concello de Oroso xa avisou á veciñanza deste peche temporal do parque durante as obras a través de carteis informativos colocados nas propias instalacións.

A última gran remodelación deste parque infantil tivo lugar a finais de 2013, cando o Concello de Oroso e a Deputación da Coruña investiron 50.000 euros na remodelación da área infantil máis grande do municipio. Unhas obras que levaron case tres meses e que, nesta ocasión, tan só levarán cinco días. “Con esta actuación, o Concello de Oroso segue traballando na súa decidida aposta por aumentar e mellorar este tipo de instalacións no municipio, pois somos conscientes do gran número de cativos que temos no Oroso e queremos que teñan os mellores espazos para xogar”, apunta Antonio Leira.